O lavadoiro é unha proposta de intervención integral en materia de violencia machista financiada pola Deputación da Coruña que se desenvolve en Moeche e San Sadurniño. A súa gran finalidade é tecer unha rede municipal de sororidade que dea apoio ás mulleres en situación de violencia machista e sexa unha alternativa que poña a vida e os coidados no centro.
Dende este proxecto vanse poñer en marcha tres grupos veciñais.
O primeiro deles será o formado por mulleres “facilitadoras” que sexan capaces de detectar posibles casos de violencia machista. Para conseguilo traballaranse arredor de técnicas de grupo para consolidar unha rede de mulleres que conte coa formación e información necesaria sobre os recursos dispoñibles, co obxectivo de que saiban como acompañar a mulleres en situación de violencia machista no seu proceso.
O segundo grupo veciñal é o formado por homes “aliados” que axuden a desterrar o machismo e a violencia da sociedade. O obxectivo é conseguir un grupo de homes comprometidos cunha masculinidade non hexemónica e que cumpran a función de promotores e dinamizadores sociais dunha “maneira de ser home” onde o normal sexa a corresponsabilidade no fogar, o respecto e o rexeitamento activo do machismo e de calquera tipo de violencia de xénero.
O terceiro grupo é formado por axentes institucionais municipais e doutras administracións que teñen peso no territorio. Este grupo terá formación para saber como actuar de forma coordinada no caso de estar a traballar cunha muller en situación de violencia machista.
A fase final do Lavadoiro constará da construción participativa dun Pacto Comunitario entre todas as persoas que formen parte destes tres espazos. A través de espazos de escoita e intercambio lograremos unha folla de ruta onde plasmar os nosos compromisos e aprendizaxes para garantir o acompañamento e a prevención da violencia machista nestes territorios.
Para formar parte do Lavadoiro hai que cubrir este formulario en liña no caso das mulleres facilitadoras de San Sadurniño e as de Moeche e estoutra ficha no caso dos homes que queiran integrarse no grupo de aliados. O prazo remata o próximo 8 de abril.