Damos comezo a O Lavadoiro en San Sadurniño e Moeche

Comezamos o ano dando inicio a O Lavadoiro en San Sadurniño e en Moeche. A Deputación da Coruña financia este proxecto e nós, Arabías, coordinamos e dinamizámolo.

“O lavadoiro” é un espazo para compartir información, coñecemento e aprendizaxes para a prevención, formación e sensibilización sobre a violencia machista, dirixido a mulleres e homes de San Sadurniño e Moeche. O que se pretende é tecer unha rede municipal de sororidade que dea apoio ás mulleres en situación de violencia machista “e sexa unha alternativa que poña a vida e os coidados no centro”.

O nome do programa elixiuse por ser os lavadoiros públicos lugares que antano servían de foro no que conversar, compartir experiencias e intercambiar coñecementos que, ademais, contribuían a afianzar vínculos afectivos e de soporte mútuo entre as mulleres “e convertíanse tamén en espazos de resistencia fronte á violencia machista”, tal e como se indica no folleto informativo que precederá o inicio das actividades propostas.

A diferenza daqueles lavadoiros hoxe en desuso, o programa promovido pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña “xorde para crear un espazo de encontro feminista que lle dea entrada aos homes e os emprace a lavar conxuntamente os trapos sucios do machismo de forma aberta e pública”. “Un espazo para cosntruírmos outras maneiras de relacionarnos e bentratarnos en igualdade que posibiliten a erradicación da violencia machista. Porque os trapos sucios non se lavan na casa, a violencia machista non é algo privado”.

Con este punto de partida, “O lavadoiro” ofrecerá os seguintes servizos:

Atención psicolóxica dirixida a mulleres en situación de violencia machista
Formación especializada para:
Mulleres de Moeche e San Sadurniño que queiran formar parte dunha rede de facilitadoras que permita previr e dar apoio ante situacións de violencia machista a nivel municipal.
Homes dos dous concellos con intención de avanzar cara a outros modelos de masculinidade afastados da violencia e da discriminación das mulleres.
Persoal técnico municipal, de cara a garantir a integración transversal do principio de igualdade de xénero a nivel municipal.
Un proceso participativo e comunitario para crear un espazo de traballo común que mellore a coordinación dos distintos axentes implicados ante situacións de violencia machista.
Nos próximos días informarase sobre o programa que arranca neste mes de xaneiro con xuntanzas coa parte técnica e política dos dous concellos, de cara a planificar a presentación do programa á veciñanza e os colectivos sociais a partir do mes de febreiro.

O obxectivo é crear grupos de mulleres que sexan referentes comunitarias en todo o relativo a información e apoio -sobre todo a vítimas de violencia-, pero tamén de homes que promovan e dinamicen o necesario cambio nos roles “descubrindo que outras maneiras de ser homes son posibles”.

Máis info