Juan José Lorenzo Castiñeiras

Formo parte de Arabías dende 2018, con especial vinculación coas liñas de captación de fondos, investigación e formación.

Considero Arabías a concreción dunha proposta de intervención social a prol da igualdade dende a investigación-acción, caracterizada por unha praxe profesional que pon o énfase na calidade, tanto cara a fóra, nos proxectos desenvoltos, como cara a dentro, no bo trato que caracteriza a dinámica de funcionamento interno.

Son licenciado en Socioloxía pola Universidade da Coruña e doutor en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende o 2018, son persoal docente e investigador asociado ao Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación, na Universidade da Coruña.

A miña traxectoria profesional, vencellada á investigación, á formación e á docencia, transita entre entidades sen ánimo de lucro, na meirande parte dos casos como técnico de investigación, e varias universidades galegas, como persoal docente e investigador. No marco de Arabías teño participado con especial intensidade na elaboración de diversos plans de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tanto municipais como empresariais; no deseño e desenvolvemento de investigacións sociais; impartindo obradoiros ou facilitando dinámicas entorno ás masculinidades, especialmente en centros educativos de Primaria; ou na captación de recursos e proxectos para a cooperativa.

Algúns descritores do meu desenvolvemento profesional, vencellados á investigación, á docencia e á formación, serían o feminismo e as masculinidades; os tempos educativos e sociais, con especial atención aos de lecer e á conciliación; a innovación educativa; as metodoloxías de investigación; a educación escolar e currículo; ou o rural galego, dende diversos enfoques. Nestas temáticas, dispoño de publicacións diversas en revistas de carácter académico e divulgativo, así como participacións variadas en libros de autoría colectiva.

Nun proceso de formación permanente, facilitado tamén dende Arabías, manteño unha actitude continuada de estudo dos feminismos e as masculinidades, así como en incentivar a innovación no eido da investigación-acción, tanto dende o uso das TICs como nas metodoloxías empregadas.

Doutor en Ciencias de Educación e licenciado en Socioloxía.

Especialista en masculinidades non hexemónicas, lecer e tempo libre, metodoloxías de investigación e análise estatística. Profesor asociado na Facultade de Ciencias da Educación e integrante da Comisión de Igualdade (Universidade da Coruña).