O Lavadoiro Orzán incorpora unha liña centrada nos coidados

Este ano 2021 incorporamos unha nova patiña no noso Lavadoiro do Orzán. Para facelo poñemos moito ollo e memoria ao que facían as lavandeiras, porque é o seu traballo o que nos guía para ir construíndo este espazo virtual de sororidade e de prevención da violencia machista.

Despois de todo o traballo de enxaboar, refregar e poñer a clareo, a roupa que lavaban as lavandeiras brillaba e recendía a frescura, e este arume integrábase nos corpos que portaban as prendas lavadas. Relucir é tamén o que buscamos neste lavadoiro virtual. Sacar o brillo, a luz propia, ou reflectida, que desprendemos cando estamos a gusto coa nosa vida e no noso corpo. Por iso, iniciamos un traballo que pon o foco na prevención da violencia machista e culmina cun camiño que nos leva ao botrato e ao benestar persoal, ao autocoidado.

Neste novo apartado do Lavadoiro do Orzán abordamos os coidados como sostén da vida e facilitamos ferramentas para o coidado propio e o coidado das outras que posibiliten a construción de relacións igualitarias e contribúan a loita contra a violencia machista.