Vouvos contar unha cousa, o novo documental de EspadELA

“Vouvos unha cousa” é unha peza documental dirixida por Lucía Catoira Pan e financiada pola Deputación da Coruña no marco do programa EspadELA 2021.

En marzo de 2020 as nosas vidas mudaron radicalmente. Comezamos a vivir nun contexto pandémico que provocou unha sensación de illamento, vulnerabilidade e medo.

Na edición de 2020, a escola non parou a súa actividade a pesar da pandemia, e mesmo evidenciuse a necesidade de contar con espazos propios e recuperar o encontro coas compañeiras. A escola EspadELA abriu as súas portas en Cabanas, Valdoviño e As Pontes. Despois duns meses complicados e dominados pola incerteza, as mulleres apostaron por xuntarse e crear grupos de resistencia.

Con este traballo queremos poñer en valor a vida cotiá e ás mulleres que sacan a diante o día a día, nos seus fogares, nos seus traballos, nas súas aldeas. E queremos contar tamén como están convivindo coa COVID-19.

A través dos ollos de Neves e Lena, e das súas verbas, procuramos a esperanza de camiñar xuntas cara un escenario onde celebrar a saúde e a vida, desde unha perspectiva feminista.

A Covid agravou a sensación de illamento e os problemas de mobilidade e transporte que teñen estas mulleres. A sensación de medo e as restricións afectaron para que a participación comunitaria fose a menos, provocando máis soidade.

O rural galego está condicionado por un desabastecemento de servizos, sobre todo aqueles que teñen que ver cos coidados. A falta de presencialidade nos servizos socio – sanitarios provoca que as mulleres aínda estean máis sobrecargadas de traballos invisibles, precarios ou non remunerados. Elas son as que coidan.

As vidas laborais das mulleres que viven no rural soen ser precarias, son elas as que asumen os traballos menos recoñecidos polo mercado laboral. A Covid xerou máis inestabilidade, máis probreza e máis vulnerabilidade daquelas que traballan na economía somerxida.

Nieves e Lena son exemplos de resiliencia e fortaleza. Os grupos de mulleres que se constrúen en EspadELA son grupos de axuda mutua e de confianza, onde entre todas aprendemos a superar barreiras e apostar polo comunitario e o colectivo.

Este é o trailer do documental

As proxeccións están programadas para o 3 de decembro en Cabanas e o 16 de decembro en Valdoviño