Belén Gavín
Formo parte de Arabías dende 2020, apoio as diferentes liñas de traballo da cooperativa, especialmente a de intervención social e mediación e desenvolvemento comunitario.
Arabías é para min a oportunidade de traballar nun proxecto transformador e feminista na compaña dun equipo de mulleres e aliadas profesional e coidadoso.
Son licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago. Teño un máster en Xénero e Igualdade no ámbito público e privado, con especialización en intervención con mulleres vítimas de violencia de xénero e en risco de exclusión, pola Universitat Jaume I de Castelló. E teño un máster de formación do profesorado, especialidade: Orientación Educativa, pola Universidade de Vigo.
Son socia traballadora de Arabías e desenvolvín a miña traxectoria profesional fundamentalmente no terceiro sector, combinando a atención a mulleres e a colectivos que vén vulnerados os seus dereitos, coa xestión, deseño e avaliación de proxectos sociais e educativos en diferentes sectores. Comecei a miña andaina traballando en proxectos de cooperación internacional en Honduras e en Guiné Bissau. Colaborei activamente con diferentes entidades sociais, apoiando proxectos de intervención social xunto a mulleres e colectivos que son excluídos, vulnerables ou vítimas. Coordinei e xestionei diferentes programas e servizos vencellados ao eido socioeducativo, tendo en conta o feminismo como piar fundamental neles. Acompañei e acompaño a mulleres no seu camiño para unha vida libre de violencias machistas. Dende a miña chegada a Arabías, defínome como Psicóloga comunitaria feminista e traballo co obxectivo de facilitar cambios que conduzan a unha sociedade máis xusta e igualitaria que poña a vida das persoas no centro e establecendo redes que faciliten o apoderamento feminista.

Licenciada en Psicoloxía, posgrao en Xénero e Igualdade e mestrado en Orientación Educativa.
Psicóloga especializada na intervención educativa, psicosocial e comunitaria dende un enfoque sistémico e de xénero. Experiencia na atención a mulleres e a colectivos en contextos vulnerabilidade.