Quen somos

O equipo

Somos un equipo interdisciplinar composto por persoas que vimos de diferentes disciplinas. Esta diversidade permítenos ofrecer uns servizos integrais que se constrúen a partir de diferentes miradas e experiencias, pero todas unidas polo obxectivo común de poñer o feminismo no centro dos nosos proxectos.

As socias traballadoras

Beatriz López Rey

Licenciada en Ciencias Políticas, posgrao en Cooperación Internacional e Xestión de ONG.

Especialista en investigación en políticas locais de xénero. Experiencia en procesos centrados na participación cidadá e dereitos humanos. Formadora especializada en igualdade de xénero.

 

Ver CV

Belén Gavín Bermúdez

Licenciada en Psicoloxía, posgrao en Xénero e Igualdade e mestrado en Orientación Educativa.

Psicóloga especializada na intervención educativa, psicosocial e comunitaria dende un enfoque sistémico e de xénero. Experiencia na atención a mulleres e a colectivos en contextos vulnerabilidade.

 

Ver CV

As persoas que transitaron no proxecto

Tania Merelas Iglesias​

Doutora en Ciencias da Educación, posgrao en Xénero e Políticas Públicas de Igualdade e diplomada en educación social.

Formadora especializada en igualdade de xénero e prevención de violencias machistas. Especialista en procesos de investigación – acción e desenvolvemento comunitario.

Juanjo Lorenzo Castiñeiras

Doutor en Ciencias de Educación e licenciado en Socioloxía.

Especialista en masculinidades non hexemónicas, lecer e tempo libre, metodoloxías de investigación e análise estatística. Profesor asociado na Facultade de Ciencias da Educación e integrante da Comisión de Igualdade (Universidade da Coruña).

O que nos move​

O principio central no noso traballo é o botrato: cara á nosa clientela, ás profesionais que nos acompañan e ás persoas ás que nos diriximos.

Traballamos coidando os procesos que impulsamos, poñendo en valor as persoas que forman parte del. Ademais apostamos por uns resultados que teñan garantía de sustentabilidade no tempo.

Cremos nas redes de cooperativismo e solidariedade, e por iso colaboramos con outras entidades especializadas para ofrecer servizos integrais coa maior calidade posible.

Por que nos chamamos Arabías?

As arabías son os apeiros ou ferramentas da labranza, o que nos conecta cun campo simbólico de gran importancia para nós.

Dunha banda, os apeiros son ferramentas que permiten traballar a terra para que esta dea os seus froitos. Do mesmo xeito, o noso traballo cooperativo busca ofrecer ferramentas ou arabías para lograr que os procesos de cambio sexan liderados polas persoas coas que traballamos.

Ao mesmo tempo, falar de arabías é poñer o foco no rural, que é o noso contexto de traballo preferente, para garantir dereitos e servizos públicos en igualdade de condicións coas zonas urbanas.