A VI Edición de EspadELA [2023]

Este 2023 desenvolvemos a VI edición de Espadela, a escola de apoderamento feminista para mulleres que habitan no rural. Esta iniciativa é financiada polo programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero no ano 2023 (FOI00A/2023) da Deputación da Coruña. O importe concedido por esta convocatoria foi de 17790,08 euros cunha porcentaxe de financiamento do 80%. 

EspadELA ten en conta tres liñas de acción: EspadELA como espazo de formación, EspadELA como espazo de sensibilización artística e EspadELA como espazo de pensamento e acción. Así desenvolvemos as seguintes accións:

O obradoiro de Saberes en Común cun grupo de mulleres de Boiro e de Touro. Esta actividade está centrada na reflexión – acción arredor da sabedoría, experiencias e coñecementos que temos as mulleres vinculados cos coidados e as ruralidades. A través de dinámicas centradas na memoria da comunidade e nos desafíos do presente, promovemos conversas onde compartir, comprendernos e coñecernos.

Os espazos de pensamento e acción desenvólvense en Arzúa, Touro e Santiago. Esta edición vén marcada pola celebración de diferentes xornadas de pensamento onde escoitar e traballar sobre temas como o territorio, os coidados, os feminismos e as ruralidades.

A liña de traballo centrada na sensibilización artística deriva na realización dunha exposición fotográfica liderada por Charo Lopes. Esta exposición comprende un proceso de construción colectiva onde participan 58 mulleres de Ames, Arzúa, Brión, Boiro, Carballo, Ordes, Santiago de Compostela e Touro. A través dunha escolma de retratos individuais e colectivos, a exposición pretende expresar as múltiples realidades que existen no rural dende unha mirada feminista.