Cara B das violencias machistas é un proxecto impulsado por Arabías que quere axudar a mellorar a abordaxe das violencias machistas a través do traballo en rede entre aliadas, a recollida de narrativas e a investigación con perspectiva feminista.
Este proxecto desenvólvese grazas ao financiamento da Deputación da Coruña a través do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas de políticas de xénero (2024 – 2025).
Este proceso vive grazas ao apoio dunha rede de traballo e á colaboración de diferentes mulleres valentes que comparten a súa historia.
Cara B comprende:
- Unha investigación onde poñemos forza por botar luz na fenda da Cara A e o que está debaixo da Cara B das violencias machistas.
- As voces que fían as historias das violencias machistas da Cara B. Trátase dun compendio de narrativas de compañeiras que transitaron por procesos de violencias machistas e que se animaron formar parte deste proxecto. A todas elas non temos máis que agradecer a súa xenerosidade.
- Un mapa onde consultar os recursos especializados en violencias machistas na provincia da Coruña.
- Un repositorio dixital onde atopar guías, documentos, informes, estudos, boas prácticas ou proxectos relacionados co eido das violencias machistas no marco galego.

