Lanzamento de Espadela 2021

Este mes de xuño lanzamos a IV Edición de EspadELA: a escola de apoderamento feminista de mulleres do rural. Esta escola é un programa propio da cooperativa, que desenvolvemos da man do Sindicato Labrego Galego e co financiamento da Deputación Provincial da Coruña.

EspadELA xorde para crear espazos de traballo no plano persoal que melloren as condicións de vida das mulleres do rural, coa intención de que estas mudanzas podan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino. A primeira, segunda e terceira edición da escola desenvolveuse nos municipios de Arzúa, Ordes, Betanzos, Moeche, As Pontes, Valdoviño e Cabanas obtendo altos niveis de participación e satisfacción por parte das mulleres participantes.

Este xuño iniciamos a cuarta edición de EspadELA. O programa desenvolverase nas localidades de Teixeiro, Ordes e Sobrado até o mes de novembro. Comezamos con tres encontros en cada unha das localidades neste verán, para logo dar continuidade á escola no terceiro trimestre do ano. Nesta ocasión incorporamos tres liñas formativas:

  • CON VOZ PROPIA
    Obradoiro para traballar arredor da autoestima, da participación, do liderado e da prevención de violencias machistas. Abórdase o recoñecemento persoal das mulleres como suxeitos de dereitos políticos, sociais e civís.
  • HABITANDO O NOSO CORPO
    Obradoiro para traballar arredor do autocoñecemento, o autocoidado e a expresión emocional. Utilizaremos ferramentas da Biodanza, da Atención Plena e do ioga integral, como medios para chegar a esta conexión sempre dende o goce e o autociodado.
  • OS NOSOS SABERES
    Obradoiro para recuperar e poñer en común de saberes, coñecementos e experiencias das mulleres sobre os diversos traballos que desenvolveron ao longo da súa vida, así como do territorio que habitan.